Argumento

      Coma onte, hoxe e sempre, quen xoga (segundo os expertos) é máis creativo e sociable. A sorpresa, a fantasía, a capacidade para crear e recrear mundos, obxectos e personaxes, o descubrimento de sentimentos e sensacións na relación cos outros, o poder inventar o presente e o futuro,  forman parte do xogo. Pero, a que xogan os nenos e as nenas de hoxe? Deixan os “robóticos” xoguetes modernos lugar para a creatividade e a imaxinación? Unha historia con pau retrocede no tempo para mostrarnos o máxico encanto do pau dunha vasoira, un pau que pode ser un cabalo, unha espada, unha frauta …  mesmo unha buxaina, por que non? Unha homenaxe ás mentes emprendedoras, aos nenos e nenas de 3 a 100 anos (ou máis) que manteñen a habilidade de tecer os seus soños cos fíos da perseveranza.
     
      Teatro dentro do teatro, xogando a un xogo xa xogado, mentres uns Peter Pan adultos nos amosan como cambiar, reinventar, transformar, renovar, modificar... o noso mundo a cada intre.